Non hai produtos no carriño.

Menu

Non hai produtos no carriño.

SITO CARRACEDO

Sito Carracedo é un artesán galego recoñecido polo seu labor de investigación e construción de diferentes tipos de gaitas europeas e pola súa achega en innovacións técnicas que permiten unha mellor conservación da palleta, o elemento máis delicado da gaita galega. A súa experiencia como intérprete e como artesán musical mafiéstase tamén en innovacións creativas, como o peitoque e os pitos, instrumentos de percusión personalizables, ou no popular manual de afinación da gaita Palleta maldita, convertido xa nunha referencia obrigada para as novas xeracións de gaiteiros.

ARTESÁN

Sito Carracedo é un artesán galego recoñecido polo seu labor de investigación e construción de diferentes tipos de gaitas europeas.

Formouse co mestre Antón Corral no Taller Escola da Deputación de Lugo, co que aprendeu a tocar a gaita, a construíla e a facer palletas. A finais dos anos 70 montou o seu propio obradoiro na rúa San Froilán de Lugo, onde comezou coa construción de instrumentos tradicionais (gaitas, pitos, requintas e tambor).

Anos despois volveu coincidir con Antón na constitución da Cooperativa Soutelo de Montes, un proxecto pioneiro que tiña como obxectivo avanzar na dignificación do traballo artesanal no eido da música tradicional. Lamentablemente, este proxecto non tivo continuidade, polo que se volveu instalar en solitario, trasladándose pouco despois a Pardiñas (Guitiriz), onde montou o seu obradoiro coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos.

Ao longo dos anos realiza varias exposicións en Galicia, Asturias, Madrid e Francia. Tras un tempo atesourando coñecementos e experiencias, chega a construír:

  • Uilleann Pipe
  • Small Pipe (Northumbrian)
  • Dudelsack
  • Gaita de barquín (gaita do sur de Galicia que se deixou de tocar hai un século)
  • Gaita galega (tonalidades: Re, Do, Sib, La, Sol, en diferentes madeiras e acabados)

As inquedanzas e a necesidade de investigar e coñecer máis sobre o apaixonante e complexo mundo da gaita, lévano a aceptar o reto de recuperar a SACKPFEIFEN, gaita da zona suaba (Balingen-Alemaña) que se deixou de tocar no século XIX e da que só se conservaban gravados e algún libro con fotos. Despois dun ano de intenso traballo, o resultado foi todo un éxito, e Sito visita dende entón Alemaña en varias ocasións, recibindo os correspondentes parabéns polo labor logrado.

Tamén leva a cabo a restauración de gaitas antigas.

No campo da percusión, ademais de seguir facendo tarrañolas, tambores ou pandeiros, achega dúas importantes innovacións:

PITOS: curioso instrumento que tocaban hai anos as parellas para acompañarse no baile e do que Sito fixo unha versión para tirarlle máis partido. Colócanse nos dedos índice de cada man e, co simple contacto cunha superficie, xa soan; incluso disque son “antiestrés”

PEITOQUE: unha evolución das castañolas que, aínda que se toca coas mans, se afasta dos dedos para pendurarse do pescozo, coma se dun colgante se tratase.

A medida que Sito investiga sobre outro tipo de gaitas, crea as súas correspondentes palletas. Na construción da tan delicada peza, Sito procura sacarlle o maior rendemento posible, de aí que non se dedique a producilas masivamente. É un labor que require especial dedicación e interese; trátase de facer “pouco e ben”. Chega a elaborar distintos tipos de palleta: asturiana, irlandesa, escocesa, northumbrian, zampogna, charamela, alemá e, como non, galega. Esta última coñécea bastante ben e, de feito, impartiu uns cantos cursos de construción en lugares como Negreira, Taramundi, Lugo ou Ponferrada, e mesmo en Italia e Alemaña.

ESCRITOR

Despois de anos impartindo cursos de afinación e construción de palletas, decidiu plasmar a súa experiencia na afinación nun manual que intitulou Palleta maldita, editado pola Asociación Cultural Xermolos, creado co obxectivo de cubrir o baleiro existente sobre os segredos da afinación da gaita galega. Trátase dun libro de doada comprensión, destinado tanto ao aprendiz coma ao iniciado nas artes da gaita, e presentado de tal modo que se poida compaxinar a súa lectura coa posta en práctica das explicacións que achega.

Consciente do público ao que ía dirixida esta obra e das dificultades para facela chegar ás súas mans, Sito asumiu persoalmente todo o proceso, dende a creación ata a distribución, e atopou o apoio de asociacións e axentes culturais interesados no tema.

O volume está dispoñible en galego e castelán, ademais de contar con traducións ao alemán e ao francés e ter en preparación as versións en italiano e inglés.

Fotografía: Suso Pena para La Voz de Galicia.

INVENTOR

Despois de experimentar tanto no mundo da gaita e da palleta, un dos problemas que se atopa cando toca en lugares con clima seco é a deformidade e sequidade da palleta polo contraste da humidade. Sito inventa entón un tapón para o punteiro da gaita que humidifica a palleta ao que bautiza como HIGROTAPÓN, o cal consta dun pequeno depósito cunha mecha interior que proporciona a humidade que a palleta precisa para a súa conservación.

Gaiteiro popular e vocacional, foi ademais un dos pioneiros en levar a gaita e a música ás rúas, as tabernas, as foliadas…, sempre na procura da normalización e popularización da música tradicional. Como gaiteiro, tamén participou e colaborou en diferentes grupos e proxectos musicais: Cántigas e frores, Treboada, Galicia canta ao neno, Grupo Didáctico da Cooperativa Soutelo de Montes, Fiandón, A Quenlla, Banda do Clavi e Gris Merengue. Así mesmo, conta no seu haber con colaboracións internacionais, como por exemplo, co grupo alemán Älabätsch ou co italiano Hotel Rif.