Non hai produtos no carriño.

Menu

Non hai produtos no carriño.

Pitos

OS PITOS

Este é un instrumento de percusión que permite amplas posibilidades de facer diferentes ritmos e sons. Como instrumento, leva dez anos de expansión entre músicos e afeccionados. Calquera persoa pode utilizalos seguindo os pasos que se explican a continuación. Pode ser útil para practicar ritmo e tamén exercicios de coordinación.

COLOCACIÓN

Están deseñados para colocar na parte superior do dedo índice de cada man, aínda que os profesionais da percusión colócanos no dedo corazón de cada man, alcanzando así un dobre rendemento do instrumento.

Podemos percutir sobre os dedos que quedan libres e, se tocamos sentados, podemos percutir sobre as coxas e os xeonllos.

A goma que sostén cada pito leva cinco boliñas para non cortar a circulación sanguínea dos dedos. Se tiramos da que non ten, afróuxase ata axustarse perfectamente ao tamaño do dedo.

POSIBILIDADES DE SONS

Dependendo da superficie na que se percuta, conseguiremos distintas modulacións e efectos, por exemplo, percutindo co mesmo pito sobre a coxa ou sobre o xeonllo.

Os percusionistas poden combinar coa execución dos pitos outros instrumentos de percusión, como poden ser o caixón flamenco, conseguindo variedades de efectos rítmicos.

MANTEMENTO

A goma que levan os pitos pode acabar rompendo ou gastándose. Para cambiala, primeiro cortamos 10 cm de goma do mesmo grosor. Queimamos un pouco cada extremo e redondeamos cos dedos para que nos sexa máis fácil meter as boliñas. Agora, pasamos cada extremo de goma polo seu burato correspondente. A continuación, facemos un nó nun extremo de goma e outro nó corredizo ao redor da goma que ten o nó feito. Por último, cortaremos o que nos sobre dos extremos da goma.

EXERCICIOS PRÁCTICOS

  1. Colocamos no dedo índice da man esquerda un pito, quedando libre a man dereita. Percutimos co dedo índice contra os dedos polgar e maior, coma se “sacudísemos a cinza dun cigarro”.

Este sería o primeiro exercicio básico, que trataremos de facer dunha forma continuada e regular a ritmo lento, igual ca o resto de exercicios.

  1. Repetiremos o primeiro exercicio, pero cando o pito da man esquerda sobe, percutimos co dedo maior da man dereita sobre el, dobrando así o ritmo.
  2. Agora  poñemos o outro pito no dedo índice da man dereita e repetimos o primeiro exericio, pero cun pito en cada man. Primeiro percutimos sucesivamente cada pito lentamente e, pouco a pouco, imos acelerando o ritmo.
  3. Sentados, percutimos sobre as coxas coas palmas das mans, ou ben levantando os dedos nos que temos os pitos, deixando as palmas apoiadas.
  4. Seguimos sentados e poñemos a man esquerda sobre a mesma coxa. Separamos os dedos da man dereita e pasamos a xema dos dedos maimiño, anular, maior e índice un por un, facéndoos esvarar pola parte máis ancha do pito da man esquerda. Ao mesmo tempo, levantamos esa man. Son así catro golpes e o quinto darémolo co pito da man esquerda ao baixar a man contra a coxa.